Escoitar

O túnel de Lepanto avanza “a moi boa velocidade” cos extremos xa unidos

O Concello iniciou de forma simultánea a construción do paso soterrado desde a rúa Lepanto e desde a autoestrada, pasando por debaixo da estación de Urzáiz. Este luns, Abel Caballero e Carmela Silva presenciaron a unión de ambas partes do túnel que dará saída á AP9 desde o centro da cidade.

luns, 20 set 2021
A pala, derrubando ao fondo o último muro de separación do túnel.
A pala, derrubando ao fondo o último muro de separación do túnel.

O último vestixio do scalextric é historia e o túnel que substituirá o acceso rodado desde Lepanto á autoestrada avanza “a moi boa velocidade”, en verbas de Abel Caballero. O alcalde visitou este luns os traballos, xunto a primeira tenente de alcalde e presidenta provincial, Carmela Silva, e as tamén tenentes de alcalde María José Caride e Elena Espinosa. Todos eles puideron presenciar o derrubo da última lámina de terra que separaba as dúas bocas do túnel, agora xa unidas.

Esta obra forma parte do convenio rubricado polo Concello, a Xunta e o Goberno de España para dotar á nova estación de Urzáiz dos accesos viarios e rodados necesarios para a súa operatividade. O acordo asinado contemplaba a demolición do paso elevado sobre Alfonso XIII, xa executada, e a escavación dun túnel que una Lepanto coa autoestrada. Ademais, un segundo túnel dará entrada aos vehículos desde a AP9 ata o novo centro Vialia, que abrirá as súas portas o día 30 deste mes.

O Concello ademais acaba de comezar o asfaltado da rúa Lepanto e da Praza da Estación. O obxectivo da administración dirixida por Abel Caballero é abrir á circulación ambas rúas en próximos días, de tal forma que os condutores poidan utilizalas para chegar ata García Barbón a través de Alfonso XIII. Unha vez estea aberto o Vialia, o 30 de setembro, o tráfico poderá empregar tamén a rúa Baixada á Estación (en proceso de humanización por parte do goberno de Vigo) e incluso acceder á nova estación pola Praza da Estación, ademais da entrada actual ao aparcamento desde Vía Norte.

Descargar todas as imaxes