Escoitar

Un campamento urbano achegará os rapaces á cultura castrexa

Os participantes neste campamento, organizado pola Concellería de Xuventude, terán a oportunidade de vivir unha aventura ambientada na época castrexa, a cultura que predominaba xusto antes da chegada dos romanos. Os interesados poden inscribirse na Casa da Xuventude.

venres, 27 xuñ 2003
Cada vez son máis os rapaces e rapazas que demandan actividades para o tempo de lecer, sobre todo no verán, debido máis que nada ó longo periodo de vacacións do que dispoñen. Intentando recoller esa demanda, a Concellería de Xuventude organiza un campamento para rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos que, dun xeito lúdico e ameno, queiran introducirse na cultura castrexa.

Co nome Súbete ó Castro, esta actividade se desenvolverá durante as mañás do mes de xullo en dúas quendas. A primeira dende o día 1 ata o 11, e a segunda do 14 ó 24. O lugar no que se realizará, o monte do Castro, conta con diferentes instalacións que se utilizarán para as actividades, entre outras, o parque de educación vial, as pistas de skate e a sala do ciber.

Durante eses días os participantes no campamento terán a oportunidade de vivir unha aventura ambientada no mundo dos castrexos, a cultura que predominaba xusto antes da chegada dos romanos. Dun xeito divertido, mediante xogos e obradoiros, aprenderán a vestir coma os castrexos, a empregar os seus instrumentos, os seus alcumes, a entender o seu xeito de vida e moitas outras cousas. Entre as actividades haberá circuítos de probas, grandes xogos e ata unha grande festa ó final de cada quenda.

Mundocreatura

Para o mes de agosto tamén se oferta dende esta Concellería outra actividade adicada a rapazas e rapaces entre os 8 e os 14 anos. Trátase do campamento urbán Mundocreatura, que é o que tradicionalmente vén organizando a asociación xuvenil Abertal. Celebrarase no pavillón de Travesas entre os días 4 a 14 de agosto, e contará con actividades pola mañá e pola tarde como obradoiros, cine, ludoteca, saídas, actividades pola cidade. Ademais de todo isto haberá algunha excursión que se prolongará durante todo un día por lugares de interese para os rapaces como as praias e o Monte dos Pozos.

Para poder inscribirse ou recibir máis información poden dirixirse á Casa da Xuventude na rúa López Mora 31, ou chamar ó teléfono 986 294 806.