Escoitar

O venres remata o prazo para participar no IV Enxalzamento do Traxe Galego

O venres, remata o prazo para participar no IV Enxalzamento do Traxe Galego, que se celebrará o sábado na praza do Berbés, organizado pola Concellería de Festas e Animación Sociocultural en colaboración con El Corte Inglés e a Escola Municipal de Danza.

xoves, 26 xuñ 2003
Ó concurso, que terá lugar ás 21,00 horas, poderán presentarse tódolos maiores de 17 anos que o desexen, así como os rapaces menores de 16 anos para competir na categoría infantil. Para facelo, os participantes deberán cubrir a solicitude de inscrición, que poderán recoller e presentar persoalmente ou ben por fax na Concellería de Festas e Animación Sociocultural (Casa do Concello, 1º andar, teléfono 986.81. 02. 21; fax 986.22.16.66.)

Nesta solicitude deberán especificar os datos da persoa que mostre o traxe; se este é antigo ou moderno, de gala ou de cotío; a comarca de procedencia e época á que pertence. No apartado de "observacións" consignaranse o maior número de datos aclaratorios posibles para unha mellor identificación, así como os elementos que compoñen o traxe. O prazo de presentación de solicitudes rematará ás 14.00 horas do día 27 de xuño.

Tódolos traxes feitos na actualidade deberanse inscribir como Traxe Moderno, e será imprescindible que garden o canon do traxe antigo. Pola súa banda, os traxes antigos deberanse presentar como tales, con referencia detallada ós seus antecedentes e procedencia. Calquera que sexa o traxe, antigo ou moderno, os seus adornos poderán ser de cristal, acibeche ou cera vidrada, os agremáns ou pasamanerías de fío, seda ou algodón, e no seu feitío axeitaranse ós patróns tradicionais.

Tódalas pezas que compoñen o traxe en exhibición deben formar un conxunto completo e homoxéneo, sen que poidan combinarse pezas de distinta comarca.

O xurado, presidido pola concelleira de Festas e Animación Sociocultural, Margarida Martíns, e composto por catro persoas vinculadas ó mundo da cultura tradicional galega, terá en conta a calidade e autenticidade do traxe e de cada unha das pezas que o compoñen e mailos restantes elementos da indumentaria.

Os premios establecidos para o concurso por categorías serán os seguintes:

PREMIO TRAXE ANTIGO
Home:220.-€.
Muller:220.-€

PREMIO TRAXE DE COTÍO
Home:220.-€
Muller:220.-€

PREMIO TRAXE MODERNO
Home: 1º premio:220.-€
Muller:1ºpremio:220.-€
Neno: 1º premio:agasallo.
Nena:1º premio:agasallo.

Haberá ademais un premio especial de 300,51 euros para o grupo que seleccione o xurado de entre os formados por máis de 10 persoas, no que ningún dos seus membros estea inscrito no concurso de xeito individual.

O examen dos traxes por parte do xurado terá lugar o sábado ás 17’30 horas, no auditorio da Casa do Concello. Ás 19.30 horas, os participantes concentraranse na praza do Rei, e desfilarán partir das 20.00 horas polas rúas que lles indique a organización do concurso. Unha vez chegados á praza do Berbés, ó redor das 21.00 horas, darase a coñece-lo veredicto do xurado da IV edición do ensalzamento, e realizarase a entrega de premios.