Escoitar

O Concello prevé rematar o túnel de Lepanto “a finais deste ano ou inicios do 2022”

Abel Caballero visitou este luns os traballos de construción do enlace soterrado que conectará a rúa Lepanto coa autoestrada, que “xa está avanzadísimo e impresiona” polo seu ancho e altura. O alcalde informou que a metade do túnel xa está escavado.

luns, 30 ago 2021
De esquerda á dereita, Javier Pardo, David Regades, Carmela Silva, Abel Caballero, María josé Caride e Elena Espinosa
De esquerda á dereita, Javier Pardo, David Regades, Carmela Silva, Abel Caballero, María josé Caride e Elena Espinosa

O alcalde, Abel Caballero, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o delegado da Zona Franca, David Regades, e os tenentes de alcalde vigueses, Javier Pardo, Elena Espinosa e María José Caride, achegáronse este luns ao entorno de Urzáiz para pasar revisión ao estado de construción dos novos accesos que darán servizo á estación de Vialia.

En declaracións posteriores, Caballero explicou que xa está escada a metade do túnel que unirá Lepanto coa AP9, e que substituirá ao paso elevado sobre Alfonso XIII, xa derrubado. Segundo avanzou, a data estimada de finalización do paso subterráneo é “finais deste ano ou inicios do ano que vén” e estase a perforar simultaneamente desde as dúas bocas: Lepanto e a autoestrada.

Esta nova vía de conexión baixo terra entre a cidade e a vía de alta capacidade foi licitada e está sendo executada polo Concello como parte do convenio asinado entre Vigo, Xunta e Goberno de España para dar servizo á nova estación de Urzáiz. O Concello contratou obras por valor de 11,8 millóns de euros, que inclúen o derrubo do último vestixio do scalextric na propia rúa Lepanto, o túnel de saída deste esta ata a AP9 e as conexións desde a autoestrada a Vialia e á estación de autobuses.

O total de actuacións finalizadas ou que se están a realizar no entorno da nova terminal de Urzáiz suman 141 millóns, incluíndo o centro Vialia, os accesos, as humanizacións en marcha ou os ascensores desde a Praza da Estación e o HALO, desde García Barbón ata a praza superior da estación, á altura da Vía Norte.

“Estamos diante dunha das grandes obras históricas na cidade de Vigo”, valorou este luns Caballero, quen adiantou que “en breve” estará concluído o estudo de alternativas para a saída sur ferroviaria -xa adxudicado- e que, no relativo á conexión directa entre Vigo e Ourense, “sabemos xa que os estudios hidroxeolóxicos polo de agora, que están a punto de concluír, dan luz verde ao Vigo-Madrid por Cerdedo”. Polo tanto “vemos que o conxunto da operación ferroviaria en Vigo vai adiante”, concluíu o alcalde.

De esquerda á dereita, Javier Pardo, David Regades, Carmela Silva, Abel Caballero, María josé Caride e Elena Espinosa
Descargar todas as imaxes