Escoitar

Vigo homenaxea aos alcaldes fusilados no 36: “O seu principio democrático nesta cidade continúa”

Abel Caballero encabezou este venres o acto institucional organizado polo Concello de Vigo en Pereiró para recordar a Emilio Martínez Garrido e José Antela Conde, alcaldes de Vigo e Lavadores respectivamente en 1936, fusilados polos franquistas. “Tiñan un proxecto compartido democráticamente cos cidadáns e o fascismo declarouno causa de morte”, manifestou Caballero.

venres, 27 ago 2021
Abel Caballero, xunto a Elena Espinosa, Javier Pardo e María José Caride.
Abel Caballero, xunto a Elena Espinosa, Javier Pardo e María José Caride.

O alcalde e os catro tenentes de alcalde do Concello de Vigo foron os encargados este venres de depositar unha ofrenda floral en memoria de Martínez Garrido e Antela Conde, nos xardíns da Memoria Histórica do cemiterio de Pereiró. Concelleiros e concelleiras de distintos partidos políticos tamén asistiron ao acto, ademais de familiares dos represaliados en agosto de 1936.

Xunto aos rexedores de Vigo e Lavadores, a cidade tamén rendeu homenaxe a outros políticos e sindicalistas asasinados entón polo bando franquista, caso do deputado Antonio Bilbatúa, o deputado e sindicalista Heraclio Botana, o tamén sindicalista Apolinar Torres, ao concelleiro vigués Ubaldo Gil Santóstegui, ao político e sindicalista Ramón González Brunet e ao deputado Ignacio Seoane Fernández.

Na súa intervención, Abel Caballero destacou que todos eles representan “a nosa memoria histórica como cidade”, persoas que “lanzaron o seu proxecto de ilusión na Segunda República” e “tiñan un proxecto compartido democráticamente cos cidadáns e o fascismo declarouno causa de morte”.

“Ser alcalde de Vigo e de Lavadores significou o seu fusilamento”, explicou Caballero, “e con eles concelleiros, deputados e sindicalistas”. Para o actual alcalde vigués, “permanece o carácter que herdamos de Martínez Garrido e Antela Conde, o cariño aos seus familiares e o respecto aos seus nomes, que hoxe están nas rúas desta cidade”. Engadiu Caballero que “cando pasamos polas rúas cos seus nomes, sabemos que nos sentimos continuadores do seu traballo” e “aquel sacrificio inmenso que levou as súas vidas ten a súa continuidade nesta mobilización colectiva”.

Concluíu Caballero afirmando que “sorrimos sabendo que o seu principio democrático nesta cidade continúa”, porque “as firmes conviccións democráticas, cando enraízan, son imbatibles”. Porén, o alcalde fixo “un chamamento á unidade da cidade, a tender pontes para camiñar xuntos” como “modelo de avance en concordia, desde o lexítimo debate político”.

Abel Caballero, xunto a Elena Espinosa, Javier Pardo e María José Caride.
Descargar todas as imaxes