Escoitar

O goberno de Vigo destina 750.000 euros a O Marisquiño e ao proxecto Cíes Patrimonio da Humanidade

Son dous asuntos aprobados este venres pola Xunta de Goberno Local, a transferencia de medio millón de euros costeados por Concello e Deputación para a edición deste ano do festival de deporte urbano e o abono de 250.000 euros á Vigo Convention Bureau para as accións de promoción das illas Cíes. O goberno local tamén aprobou unha achega de 37.000 euros para o programa sociolaboral da CIG.

venres, 27 ago 2021
Abel Caballero, este venres.
Abel Caballero, este venres.

O alcalde deu conta este venres dos principais asuntos aprobados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local deste venres, transferencias de medio millóns de euros a O Marisquiño, de 250.000 euros á candidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade e outros 37.000 euros ao programa sociolaboral e de igualdade da unión comarcal viguesa do sindicato CIG.

Caballero recordou que 180.000 dos 500.000 euros para O Marisquiño proceden da Deputación de Pontevedra e “teñen como correlato que a Xunta de Galicia deu só 158.000 euros” ao evento -unha vez descontado o IVE, igual que na transferencia municipal-, en cambio reserva 60 millóns ao Camiño de Santiago e 600.000 euros para O Son do Camiño. Mais “O Marisquiño é un dos tres festivais máis importantes de Europa de deporte urbano”, subliñou.

En segundo lugar, o goberno de Vigo acordou transferir un cuarto de millón de euros á Fundación Vigo Convention Bureau para continuar coas actuacións de promoción para a candidatura das illas Cíes a Patrimonio Mundial da Humanidade. “Seguimos adiante co proxecto Cíes Patrimonio da Humanidade”, indicou Caballero, quen citou accións como o Desafío Audiovidual, o programa Cíes Talent, concursos e o traballo científico que avala as opcións do arquipélago ante a UNESCO. “A candidatura da Xunta para as Illas Atlánticas non era máis que un intento para paralizar Cíes”, manifestou o alcalde, quen asegurou que “só Cíes cumpre” e “o último dato” que o avalaría é “unha depuradora de Ons facendo vertidos”.

Por último, a Xunta de Goberno Local validou o convenio coa unión comarcal da CIG en Vigo para colaborar co programa sindical de atención cidadá, servizo técnico de igualdade e xornadas formativas a desenvolver ao longo do presente ano. É “o noso apoio á acción sindical en defensa dos traballadores”, explicou Caballero, que se traduce en 37.000 euros para colaborar co servizo de atención ao público, con xornadas formativas de carácter sociolaboral e para reforzar o seu servizo de igualdade, que se presta a través de asesoramento e acompañamento a traballadoras en materia de igualdade e tamén na negociación colectiva para introducir a perspectiva de xénero nos convenios e elaborar plans de igualdade nas empresas.

Descargar todas as imaxes