Escoitar

O goberno de Vigo activa o reforzo escolar para 66 menores en risco de exclusión

Son 45 menores que cursan Primaria e outros 21 de Secundaria. Desde setembro, este alumnado recibirá clases de apoio e obradoiros con educadoras sociais nos centros sociais municipais, explicou Abel Caballero. Nun contexto de pandemia, este programa municipal resultou “determinante para evitar a brecha social” e o abandono escolar.

martes, 24 ago 2021
O alcalde, este martes en rolda de prensa presencial e telemática.
O alcalde, este martes en rolda de prensa presencial e telemática.

Na primeira semana de setembro comezará o reforzo escolar nos catro centros sociais municipais, que no próximo curso atenderá a 66 menores en risco de exclusión social, dos que 45 estudan en Primaria e outros 21, Secundaria. O Concello dispón de 32 prazas en Coia, outras 14 en Rivera Atienza, dez en Teis e outras tantas vacantes na instalación do Casco Vello, e as clases se impartirán en horario de tarde, de catro e media a sete e media.

O alumnado do programa recibirá clases de apoio e participará en obradoiros con educadoras sociais. Segundo explicou Caballero este martes, esta iniciativa municipal foi “determinante para evitar a brecha social” e eventualmente o abandono escolar, “a lacra que lastraría a vida destas nenas e destes nenos”, pois poderían quedarse “en zona de marxinación” para o futuro. “Nós non podemos permitir que estes nenos e nenas en risco de exclusión vexan a súa vida persoal e profesional truncada por non ter tido as condicións familiares para levar adiante os seus estudos”, concluíu o alcalde.

Descargar todas as imaxes