Cidades e Ministerio de Política Territorial analizarán o “papel local” na crise de Afganistán
”As Entidades Locais volveremos asumir o liderado”, asegurou este luns o alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, que o vindeiro mércores se reunirá en Madrid coa ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez.
O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, manterá este mércores 25 de agosto unha reunión coa ministra de Política Territorial, Isabel Rodríguez, para ofrecer ao Goberno de España o “apoio e a colaboración da FEMP e da súa Rede de Municipios de Acollida de Refuxiados”. Caballero destacou que desde as Entidades Locais “queremos darlle un apoio especial aos afgáns, especialmente ás mulleres e aos seus fillos e fillas, dado que a acometida do réxime talibán fai presaxiar a peor para eles”.
“As Entidades Locais volveremos asumir o liderado”, asegurou Caballero. Neste sentido, destacou que España xogará un papel esencial porque será a encargada de acoller, pero tamén será un “hub”, será “a porta de entrada a Europa” de quen foxe de Afganistán. Neste rol, Caballero afirmou que “queremos transmitir a nosa dispoñibilidade e a nosa felicitación por este labor humanitario de primeira magnitude que está a desenvolver o Goberno de España”.
“Levamos seis anos coa nosa rede e a nosa oficina de coordinación para o refuxiado, temos a experiencia necesaria”, lembrou o Presidente da Federación. Ademais, Abel Caballero puxo en valor o traballo que desde a FEMP desenvólvese con institucións de referencia en cuestión de acollida como o CEAR, ACCEM e Cruz Vermella, coas que se colabora “para facilitar a acollida e integración en España” e sinalou a relación fluída con ACNUR.