Escoitar

Vigo optará á convocatoria estatal de investimentos para destinos turísticos

O alcalde recibiu este venres ao voceiro de Turismo do grupo socialista no Parlamento de España, Adolfo Pérez Abellás, xunto á deputados e senadores da provincia. Caballero subliñou que, pese a ausencia de campañas da Xunta sobre Vigo, a cidade goza actualmente dun “cheo turístico” e anunciou a candidatura viguesa á convocatoria do Goberno de España para inversións ao efecto.

venres, 20 ago 2021
A reunión celebrouse na sala de Xuntas da Alcaldía.
A reunión celebrouse na sala de Xuntas da Alcaldía.

Abel Caballero mantivo unha entrevista con Adolfo Pérez Abellás, quen visitou a Alcaldía xunto a Ángeles Marra, Olga Alonso e Guillermo Meijón. En declaracións posteriores, o alcalde afirmou que lles transmitiu o “cheo turístico na cidade de Vigo”, a “ausencia de publicidade da Xunta de Galicia de nada que teña que ver con Vigo” e o “comportamento próximo” do Goberno de España no relativo ás actividades turísticas e na convocatoria “xa en vigor” de investimentos para destinos turísticos, á que “Vigo vai optar”. Tamén expresou a súa “satisfacción” polos case dous mil millóns de euros que o Goberno de España comprometeu para os gastos turísticos das entidades locais.

Fronte á perspectiva de chegada de fondos do Goberno de España, Abel Caballero asegurou que a Xunta de Galicia “non lle adica nin un céntimo” a Vigo e denunciou a “actitude” do goberno presidido por Núñez Feijóo de “quedarse con recursos que o Goberno de España envía para a hostalería e o comercio, tan importantes turisticamente”. Concluíu o alcalde de Vigo que “a Xunta está engrosando a caixa co diñeiro que o Goberno de España envía para as pequenas e medianas empresas e a hostalería”.

Descargar todas as imaxes