Escoitar

O Plan Xeral reserva 900.000 metros cadrados para novos equipamentos públicos

Segundo explicou Caballero, o solo para equipamentos do sistema xeral (concibidos para ser usados por toda a cidadanía) se incrementa en 500.000 m2 co novo PXOM, mentres que os do sistema local (pensado para as necesidades de cada parroquia) aumentan en 400.000 m2 máis. “É unha revolución para Vigo”, valorou o alcalde.

xoves, 19 ago 2021
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa
Abel Caballero, este xoves en rolda de prensa

Estes espazos permiten edificar dotacións públicas como espazos deportivos, oficinas de distrito ou bibliotecas, exemplos postos este mesmo xoves por Abel Caballero en rolda de prensa, onde detallou o aumento “moi importante” de superficie que o novo Plan Xeral en tramitación reserva ao efecto.

Do total, medio millón de metros cadrados corresponden a equipamentos de sistema xeral, aqueles que teñen por finalidade atender ás necesidades de todo Vigo, que pasan dos actuais 1.029.000 metros cadrados aos 1.544.000 proxectados. Aquí, o alcalde singularizou as instalacións deportivas contempladas, que pasan de 227.000 a 496.000 metros cadrados, máis do dobre do actual, con actuacións en zonas como Tomada, A Balsa e Oia.

No relativo ao sistema local, aqueles pensados para atender as necesidades das parroquias, o Plan Xeral debuxa un incremento de superficie doutros 400.000 metros cadrados, dos 699.000 actuais a 1.104.000 metros cadrados, o que fará posible aumentar os equimanetos públicos en todas as zonas da cidade.

Para o alcalde, a reserva de espazos para equipamentos tanto do sistema xeral como do local que recolle o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado este mércores inicialmente pola Xunta de Goberno Local, suporá “unha revolución para Vigo, unha nova forma de entender a cidade”.

Descargar todas as imaxes