Los Secretos actuarán en Castrelos o 27 de agosto
O concerto non será no anfiteatro do parque, senón no escenario exterior, informou Caballero este mércores, un espazo delimitado para unhas mil persoas, sempre en función do cumprimento das normas contra o Covid. Ademais, o alcalde recordou que Vigo recibirá a Amaral o 25 de setembro.
A programación cultural estival da cidade de Vigo continúa engadindo novas propostas. Este mércores, Abel Caballero anunciou a actuación de Los Secretos en Castrelos, o próximo venres 27 de agosto ás 22 horas. A banda madrileña de pop-rock formada nos anos oitenta tocarán no interior do parque, pero non no anfiteatro, senón no escenario próximo ao mesmo. Segundo informou o alcalde en rolda de prensa, o Concello prevé delimitar un perímetro con espazo para uns mil espectadores, un formato flexible e adaptable ás circunstancias que eventualmente poida marcar a evolución da pandemia.
En segundo lugar, Caballero tamén confirmou a presenza na cidade de Amaral, o dúo aragonés formado por Eva Amaral e Juan Aguirre, que visitará Vigo o próximo 25 de setembro nun espazo por definir.