Escoitar

Vigo pecha a fin de semana de San Roque cunha ocupación hoteleira do 96,6%

Caballero ofreceu este martes os datos e trasladou ademais que a Oficina de Turismo de Vigo obtivo o selo de calidade turística polas boas prácticas na redución do risco de contaxio por coronavirus. Só o 13% dos servizos turísticos galegos conta con esta distinción.

martes, 17 ago 2021
Abel Caballero, esta fin de semana, durante as festas de San Roque
Abel Caballero, esta fin de semana, durante as festas de San Roque

Nesta longa fin de semana de San Roque, a cidade conseguiu superar o 92% que rexistrara na anterior, cando se celebrou o festival de deporte urbano O Marisquiño. Para Caballero, os datos reflicten unha cidade “practicamente chea” en canto a aloxamento se refire e un mes de agosto “magnífico” en termos turísticos “que pretendemos que continúe”.

Por outra banda, o alcalde informou de que a oficina de turismo de Vigo vén de conseguir o selo de calidade turística polas boas prácticas avanzadas Sicted para a redución do risco de contaxio por coronavirus, distinción da que só dispoñen o 13% dos servizos turísticos de Galicia.

O proxecto Sicted (Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos), da Secretaría de Estado de Turismo, apoia aos establecementos turísticos durante o proceso de adaptación e volta á normalidade tras a crise sanitaria provocada polo COVID-19. Para iso creáronse as Boas Prácticas Avanzadas Sicted, adaptadas ás Guías para a redución do risco de contaxio no sector turístico elaboradas pola Secretaría de Estado de Turismo e o Ministerio de Sanidade, en colaboración co Instituto de Calidade Turística Español.

Os Servizos turísticos Sicted distinguidos neste proceso, como é o caso da oficina de turismo de Vigo, implantaron e superaron unha avaliación externa que garante o estrito cumprimento de todos os requisitos recollidos nas Boas Prácticas Avanzadas Sicted, ofrecendo un servizo máis controlado e seguro.

Descargar todas as imaxes