Escoitar

O goberno de Vigo aproba medidas de “apoio para o emprego de 368 persoas”

Segundo informou Caballero este venres, o Concello validou incentivar a contratación dos 20 alumnos do “Vigo Capacita VI”, axudas económicas para quen o precise dos 308 participantes do “Vigo pola inserción laboral” e a subvención para a empregar de 40 persoas perceptoras da Risga nun proxecto de rehabilitación de lavadoiros.

venres, 13 ago 2021

En rolda de prensa, o alcalde detallou algunhas accións do programa “intensivo” para a contratación que desenvolve o Concello, cun “número importante de proxectos para levar adiante xeración e potenciación de emprego”, que Caballero resumiu en “apoio para o emprego de 368 persoas”, ademais do derivado da obra pública municipal.

Celebrada este xoves, a Xunta de Goberno Local validou a convocatoria e as bases reguladoras para incentivar a contratación por conta allea dos alumnos e traballadores do obradoiro dual de emprego “Vigo Capacita VI”. Son apoios económicos de ata 1.500 euros para as empresas, ata un máximo de vinte. Este programa conta cun orzamento total de 422.000 euros para a formación con salario de vinte persoas desempregadas. En segundo lugar, o goberno vigués autorizou o pago de axudas económicas de 296 euros mensuais para 206 dos 308 participantes do programa “Vigo pola inserción laboral”, para apoialos nos gastos da súa formación.

Por último, Caballero citou a subvención para a contratación por entidades locais de persoas en exclusión ou risco de exclusión social perceptoras da Risga. A contía económica ascende a 431.000 euros para firmar durante nove meses a corenta profesionais: peóns de construción e xardinería, albaneis, condutores, xardineiros, pintores, fontaneiros e electricistas. Se adicarán á rehabilitación de once lavadoiros da cidade.

Descargar todas as imaxes