Escoitar

Caballero aplaude a “boa tempada turística” en Vigo, cun 92% de ocupación hoteleira a pasada fin de semana

Os datos “están indo francamente ben”, valorou o alcalde este xoves, logo de que os hoteis vigueses estiveran case que cheos a fin de semana pasada, coincidindo coa celebración de O Marisquiño. Para esta fin de semana de San Roque, as estimacións municipais apuntan ao 95% de ocupación hoteleira.

xoves, 12 ago 2021
Abel Caballero e Carmela Silvia xunto aos organizadores do Marisquiño na edición do 2021
Abel Caballero e Carmela Silvia xunto aos organizadores do Marisquiño na edición do 2021

A última fin de semana, cando se celebrou o festival de deporte urbano O Marisquiño, a cidade rexistrou un 92% de ocupación hoteleira e, de cara ao longo fin de semana do Día da Asunción e de San Roque, a previsión se eleva ata o 95%, segundo os datos trasladados este xoves polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. “Está sendo unha boa tempada turística”, asegurou: “Vigo estase a consolidar como destino turístico no verán, no outono e no inverno”.

Caballero puxo en valor que Vigo, no verán, loce os atractivos das súas praias, a hostalería, “a calidade gastronómica, a beleza e a amabilidade” da cidade. “Pero é que logo chega o Nadal e Vigo se converte nun destino turístico europeo”, concluíu o alcalde.

Descargar todas as imaxes