Escoitar

O Concello da o primeiro paso para un novo PXOM “acorde ao que Vigo necesita”

Sen votos en contra, a Xerencia de Urbanismo aprobou inicialmente o documento, que será ratificado pola Xunta de Goberno Local e, a finais de mes, polo Pleno. O alcalde valorou un Plan “libre de especulación”, con 14.500 novas vivendas con algún tipo de protección, novos viais, zonas verdes e dotacións públicas: “Unha gran inxección de recursos para mobilizar a economía de Vigo”.

xoves, 12 ago 2021

Reunido este xoves, o Consello da Xerencia municipal de Urbanismo validou o novo Plan Xeral cos votos do goberno vigués e a abstención do resto de formacións políticas representadas. Trátase do “primeiro paso” para a aprobación inicial do PXOM, que terá lugar a finais de mes no Pleno da Corporación. “Estou en condicións de garantir que o Plan vaise aprobar cunha maioría de vinte votos ao menos”, manifestou o alcalde, “vinte de vinte e sete, algo moi importante. Temos o mandato da cidade para aprobar un gran Plan de Ordenación Municipal”.

O texto está “centrado na construción de vivendas, 50.000 vivendas libres de especulación, 14.500 vivendas con algún tipo de protección”, anotou Caballero, quen recordou que a política na materia é competencia da Xunta de Galicia, mais en doce anos “nin unha” construíu na cidade. Insistiu o alcalde en que “o Plan é para facer vivendas para a xente, non para satisfacer aos especuladores”. Ademais, a futura ordenación inclúe novas estradas chamadas a solucionar “problemas importantes que quedaron históricamente sen resolver na cidade”, en verbas de Caballero, ademais de espazos dotacionais de uso público, zonas verdes e instalacións deportivas, entre outras.

“É un Plan para a cidade, un gran Plan, acorde ao que Vigo necesita”, subliñou o alcalde. O PXOM en trámite recolle unha mobilización de 876 millóns de euros ao longo dos vinte ou trinta anos de vixencia, “unha gran inxección de recursos para mobilizar a economía de Vigo”. Por último, Abel Caballero defendeu o carácter dialogado deste Plan Xeral: “É un Plan dialogado, a concelleira de Urbanismo reuniuse con centos de asociacións e haberá moitísimas máis, porque volverá a reunirse para falar do concreto e seguir dialogando o Plan”.

Descargar todas as imaxes