Nada Surf súbese á terraza do Mar de Vigo o 26 de setembro
O alcalde desvelou tres novos artistas que se engaden aos máis de medio centenar confirmados este verán no ciclo de concertos do TerraCeo, no Auditorio da Avenida de Beiramar. Xunto á banda americana, a cita suma aos vigueses Maldito Murphy o 4 de setembro e aos alacantinos Funzo & Baby Loud o 18 do mesmo mes.
Logo de anunciar a pasada semana a presenza na cidade de Pol 3.14, Abel Caballero revelou este martes tres novos concertos que engrosan a nómina estival do Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo, como parte do ciclo TerraCeo: Nada Surf, Funzo & Baby Loud e Maldito Murphy.
Banda formada no 2015, os vigueses Maldito Murphy pisarán a terraza do Mar de Vigo o 4 de setembro e presentarán un avance do seu novo traballo. O dúo alacantino Funzo & Baby Loud farán o propio o 18 de setembro e o rock alternativo americano de Nada Surf, no que promete ser un dos grandes concertos deste verán, chegará a Vigo o 26 de setembro. O alcalde puxo en valor o percorrido dun TerraCeo que, na súa segunda edición, acada xa unha programación de 55 concertos.