Escoitar

O Concello delimita 27 zonas a protexer para conservar os “sinais de identidade” da cidade

O novo Plan Xeral en tramitación contén “un cambio de filosofía no urbanismo de Vigo”, en verbas de Caballero, que fará posible integrar as singularidades de 27 barrios da cidade coa mellora da calidade de vida do entorno. En lugar de facer “borrón e conta nova”, como acontecía co PXOM de 2008, agora se adapta a ordenación ás particularidades das zonas.

martes, 17 ago 2021
O alcalde, este martes en rolda de prensa
O alcalde, este martes en rolda de prensa

O Plan Xeral aprobado no 2008 prevía “arrasar e conta nova” en espazos “deteriorados” da cidade, explicou Caballero, o que “rompería o sabor tradicional e produciría un dano enorme á xente que vive alí”. O novo planeamento urbanístico en marcha debulla outro modelo co que acondicionar estas zonas respectando os seus “sinais de identidade e as vivendas”, a través de vinte 27 Plans Especiais de Protección de zona.

Estas figuras permiten estudar con detalle a mellora da cidade de vida da cidadanía integrando o que xa existe e respectando as particularidades e singularidades dos distintos territorios. As zonas protexidas son o barrio histórico de Canadelo, o barrio de Rivadavia, A Rola, Numancia, Camiño de Rioboo, Salgueira, Cordeiro-Rocío, O Chouzo, Cordeira, Figueiredo, Ceboleira, o núcleo histórico de Guixar, Espiñeiro-Teis, Ríos, Balbarda, Paradela, Toural, Vista do Mar-Cantabria, o núcleo histórico de Cambeses, Rosal Florido, Barreiro, núcleo histórico Sampaio-Piñeiro, o núcleo histórico Sampaio-Quintela, a rúa da Cañiza, Carrasqueira, Coruxo-Silveira e Coruxo-Combro.

O documento de 2008 contemplaba “zonas deterioradas nas que o Plan facía borrón e conta nova. Ese Plan eu herdeino, porque esa non é a nosa filosofía urbanística”, asegurou o alcalde. Agora, co novo PXOM, “quen teña unha vivenda digna continuará con ela; adaptamos a ordenación do barrio ás vivendas dignas existentes”. A pretensión municipal é “respectar os sinais de identidade da zona, que se foron fraguando ao longo dos anos”.

Descargar todas as imaxes