Escoitar

O goberno de Vigo aproba o Programa Integrado de Emprego, que formará a 100 persoas durante un ano

A iniciativa conta cun orzamento de 258.000 euros e arrancará no mes de novembro cunha perspectiva de inserción laboral do 40%, segundo afirmou este venres o alcalde. A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde ao convenio coa unión comarcal viguesa da UXT para asesorar a persoas despregadas e incluídas en ERTEs.

venres, 20 ago 2021

Segundo explicou este venres Abel Caballero, o Programa Integrado de Emprego formará durante doce meses a un centenar de persoas, con especial atención aos desempregados, menores de trinta anos e perceptores de prestación. Cun orzamento de 258.000 euros, a acción municipal prevé incorporar ao mercado de traballo ao 40% dos participantes.

O alcalde engadiu que o programa incorpora accións de formación, información e orientación para facilitar e apoiar a busca de emprego, dotando ao alumnado de habilidades e estratexias para unha axeitada procura de emprego. Ademais, o Concello personaliza algunhas das actividades para salvar os obstáculos que dificultan a inserción laboral.

A modo de exemplo, e tal e como aconteceu en convocatorias anteriores, Vigo formará aos estudantes no deseño dos currículos, entrevistas de traballo e alfabetización informática. Tamén se impartirán cursos de actividades de auxiliar de almacén ou de monitor de tempo libre e se habilitará ao alumnado coa certificación de carretilleiro ou de manipulador de alimentos. Caballero engadiu que o centenar de participantes no programa recibirá unha axuda económica por día de desprazamento a cada unha das accións previstas.

ERTEs

Igualmente en materia de emprego, o goberno encabezado por Caballero validou este venres un convenio coa unión comarcal viguesa do sindicato UXT para levar adiante o programa ActiVigo de asesoramento a desempregados e afectados por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE).

O Concello de Vigo achega 37.000 euros ao sindicato para financiar o traballo de apoio laboral e xurídico que veñen desenvolvendo ao longo do presente ano, ao que se engade un acompañamento no cumprimento da normativa sanitaria na reincorporación ao posto de traballo.

ActiVigo tamén recopila a información existente sobre as medidas ordinarias e extraordinarias adoptadas polas distintas entidades no ámbito económico, laboral e social, co obxectivo de difundilas entre os interesados, mediante novas tecnoloxías, reunións de traballo, atención directa, xornadas e charlas. A Unión Xeral de Traballadores en Vigo tamén ofrece contacto con asociacións e organizacións empresariais e axuda a quen o precise nos procesos de inscrición aos distintos programas habilitados.

Descargar todas as imaxes