O Concello localizará e trasladará ás persoas sen teito para a súa vacinación contra o Covid
Hai dous meses, o goberno de Vigo propuxera á Xunta de Galicia “un plan de vacinación das persoas sen teito”, na súa maioría transeúntes e xente non censada que pode estar fóra do sistema. A Xunta aceptou hoxe o ofrecemento municipal, sinalou Caballero, á espera de que indiquen o punto onde se lles inmunizará.
O Concello recibiu este martes a aceptación da Xunta de Galicia á proposta municipal para identificar, localizar e trasladar ás persoas sen teito que habitan na cidade para ser vacinadas contra o coronavirus.
En rolda de prensa, Caballero explicou que Vigo lanzou a idea hai dous meses, un plan para inmunizar a un colectivo que habitualmente non están nos censos, tanto pola súa saúde como para evitar contaxios doutras persoas a través destas persoas. A Xunta (“moita presa non se deu”, censurou o alcalde) vén de dar o seu visto bo ao ofrecemento municipal e o Concello comezará a localizalos -en gran parte pasan a noite no albergue municipal de Marqués de Valterra- e identificalos, e serán trasladados onde a autoridade sanitaria indique para que se lles inxecte o antíxeno contra o Covid.