Vigo retoma o “sabor da tradición” con Cancións dos nosos barrios
Desde as 19 horas, a finca de San Roque acolle este luns, o martes e o mércores o tradicional certame “Cancións dos nosos barrios”, con protocolo Covid e acceso de balde ata completar aforo. Actuarán un total de quince grupos.
“Ten un enorme sabor de tradición, daqueles cantos dos bares, das tabernas e nas rúas. Queremos que esa tradición permaneza”, explicou o alcalde este luns. O Concello financia íntegramente esta proposta, de entrada gratuíta.
A cita comeza ás 19 horas e a finca de San Roque acolle cinco actuacións cada día, ata un total de quince formacións distintas que participan nesta edición. Este luns cantarán Loureiro verde, Vento mareiro forza 5, Tarxa, Cambio de Pola e Vila Galicia; o martes actúa Amigos, Mistura, Airiños do Mar de Teis, Sondaki e O son da Troula; e o mércores, por último, o Grupo Montecelo, Os Bohemios, Faro da Guía, Pedra Carballa e O Coto do Carballal.