Escoitar

A app Vigo suma unha ampla sección sobre Cíes, con catro novas rutas interactivas

O alcalde informou este venres da próxima actualización da app municipal, que incorpora un completo apartado sobre o arquipélago vigués. Os usuarios poderán acceder a información de servizo e empregar o móbil como guía interactiva para as rutas, os principais puntos de interese e os areais.

venres, 23 xul 2021
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa presencial e telemática
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa presencial e telemática

A nova actualización da app Vigo estará dispoñible para descarga en próximos días, segundo informou Caballero este venres, e incluirá unha ampla e completa sección sobre as illas Cíes, dentro do apartado de Turismo.

Co obxectivo de “dinamizar e difundir” o arquipélago vigués, a aplicación permitirá aos seus usuarios gozar de catro novas rutas interactivas con GPS nas illas (as rutas Alto do Príncipe, do Faro da Porta, do Monte do Faro e de Monteagudo), que se engaden á ruta azul “Entre Faros”, xa dispoñible na app Vigo.

Principalmente, o Concello aglutina na app información de servizo: como chegar, como obter o permiso e os billetes, consellos e normas do parque, puntos de información, o cámping, o restaurante, as actividades, etc. Ademais, o medio mariño, a flora, a fauna, a xeoloxía, a historia e o patrimonio do arquipélago terán un espazo propio relevante e, por último, o móbil poderá converterse en guía ao ofrecer listados e mapas dos principais puntos de interese, das cinco rutas interactivas e das praias.

Vigozoo

Por outro lado, o alcalde deu conta este venres da posta en liberdade dun cárabo, unha especie de bufo, nacido e criado con éxito nas instalacións do recinto municipal de A Madroa, un feito “bastante excepcional”, en verbas de Caballero, dadas as especiais condicións ambientais que precisan os animais. O cárabo, especie silvestre protexida, foi adestrado para o voo e a cara por persoal técnico do centro de recuperación para que poida valerse por si mesmo, nun entorno compatible co seu hábitat natural.

Vigozoo, explicou Caballero, conta con varias aves rapaces nocturnas acollidas de centros de recuperación da fauna silvestre de toda España, onde chegan logo de accidentes por distintas causas, como o impacto con liñas eléctricas ou danos polas aspas dos aeroxeneradores.

Ademais, o alcalde informou que, na sede de Candeán, o goberno de Vigo vén de finalizar a reforma da planta baixa do Exotarium, que completa a remodelación desta instalación. Alí se exhiben peixes, anfibios, réptiles, arácnidos, insectos e miriápodos. Coa última actuación, os 23 terrarios iniciais foron substituídos por oito temáticos naturalizados, multiplicando por dez a superficie útil para os animais.

Por outra banda, o Concello tamén concluíu a reforma da cúpula que acolle ás grullas damiselas, reforzando a estrutura, construíndo un refuxio naturalizado tipo rocha e recreando un pequeno ecosistema humidal. O investimento en ambas obras ascendeu a uns 40.000 euros.

Descargar todas as imaxes