O Concello ofrece 2.750 prazas para persoas maiores para viaxar en barco pola Ría de Vigo
Abel Caballero anunciou 11 viaxes nos meses de xullo, agosto e setembro dentro do programa “Vigo, cidade amiga dos maiores”
O Concello pon a dispor das persoas maiores de Vigo 2.750 prazas para viaxar nun catamarán pola ría dentro do programa “Vigo, cidade amiga dos maiores”. O alcalde anunciou que serán “viaxes de balde, subvencionados polo Concello” e que “a idea é que a xente navegue, desfrute e coñeza a ría”.
Os roteiros en barco terán dúas horas de duración, das 17 ás 19 horas. Haberá 2 viaxes en xullo, 4 en agosto e 5 en setembro. A partir de luns pódese reservar praza chamando ao 010. Todos os barcos son accesibles e están adaptados a persoas con mobilidade reducida.