Vigo deseña e fabrica un medidor de CO2 de “gran calidade”
O alcalde e responsables de Hermes Smart Control presentaron este luns o aparato, ideado desde a área de Vigo tanto para ámbitos públicos como privados. Abel Caballero subliñou a “sensibilidade” e a “gran calidade” do modelo, que indica a cantidade de CO2 no ambiente mediante un código de cores.
“Quero divulgar as cousas que se fan en Vigo, que se deseñan en Vigo, que se fabrican en Vigo”, manifestou en rolda de prensa o rexedor, quen participou na presentación xunto a Manuel Rañal e Eduardo Alonso, director técnico e de vendas, respectivamente.
Integrado nunha cuncha de vieira, o equipo foi “desenvolvido e fabricado en Vigo, con xente da zona”, en verbas de Rañal, quen explicou que o sistema mide a calidade de aire e detecta a temperatura, a humidade e o nivel de CO2 do entorno. Está pensado tanto para a hostalería e a restauración como para as vivendas particulares e as administracións públicas, por exemplo para oficinas ou bibliotecas.
A idea do medidor xurdiu coa crise do Covid, explicou Rañal, e mostra o nivel de concentración de dióxido de carbono na estancia mediante un sinxelo código de cores: verde, amarelo e vermello.