O Concello adicará catro millóns ao novo “estadio de atletismo de Balaídos”
Abel Caballero explicou que a obra será compatible co uso da instalación deportiva, que terá unha nova bancada, cuberta e arrimada ás pistas, deixando cinco metros máis para o paseo do Lagares. Balaídos contará cun módulo cuberto para adestrar e competir á resgardo da chuvia. O alcalde censurou que a Xunta non achegue “nin un céntimo”.
O novo recinto de atletismo de Balaídos, de titularidade municipal pero de uso supramunicipal, é unha “tarefa pendente” que “está agarando desde que Feijóo asumiu a presidencia da Xunta”, asegurou Caballero, quen deixou caer o compromiso do anterior titular autonómico, Emilio Pérez Touriño, que ascendía a “entre catro ou cinco millóns para unha gran reforma integral”. “Cambiou o presidente da Xunta e levamos desde 2009 agardando polos millóns da Xunta”, valorou Abel Caballero, “e ata hoxe, nin un céntimo”: “Detrás dos anuncios e das fotos, só aire”.
Así, o alcalde anunciou que “xa non agardamos máis” e encargou a redacción do proxecto do “estadio de atletismo de Balaídos”, que terá un orzamento duns catro millóns de euros, segundo afirmou este luns. O Concello prevé construír un módulo cuberto para adestrar e competir sen as limitacións da climatoloxía e erixir unha nova bancada, máis ampla, cuberta e próxima ás pistas, o que permitira “mellorar a protección” do río Lagares, que ganará cinco metros máis. A nova bancada dará cabida ademais aos vestiarios, novos aseos, almacén, ximnasio e oficias que serán utilizadas polos clubs da cidade.
O desenvolvemento das obras será compatible co uso da instalación deportiva, afirmou Caballero. A previsión é levar a cabo os traballos en catro fases. En primeiro lugar, a construción do edificio que acollerá os vestiarios, almacéns e oficinas (que será ademais o novo acceso ás pistas); despois a demolición da bancada existente, emprazando a nova bancada máis lonxe do Lagares; en terceiro lugar, a construción do módulo cuberto e, por último, a substitución do material sintético da pista exterior e o equipamento da mesma.
Caballero concluíu que “a Xunta non apoia o estadio de Balaídos de fútbol, non apoia o estadio de Balaídos de atletismo... Para que a queremos? Para que queremos a Xunta en Vigo? Pois volvo a seguir ocupando o seu lugar”.