Escoitar

O Festival TerraCeo suma catro novos artistas e alcanza os 51 concertos programados

O evento estival que ten lugar na terraza do Auditorio Mar de Vigo supera o medio centenar de actuacións coa incorporación de Cimafunk, Muñoz e unha dobre sesión con El Twanguero e Desvariados, todos no mes de agosto. Abel Caballero desvelou este luns as novidades.

luns, 19 xul 2021
Abel Caballero presentou o sábado as actuacións de Indomable e Ángel Stanich no Festival TerraCeo
Abel Caballero presentou o sábado as actuacións de Indomable e Ángel Stanich no Festival TerraCeo

En rolda de prensa, o alcalde puxo en valor a entidade das novas incorporacións ao festival e destacou en xeral a programación das formacións locais: “Facemos que os grupos de Vigo actúen e teñan ingresos; hai grupos desta cidade que as únicas actuacións que teñen son do Concello”, afirmou.

Coas novas citas anunciadas este luns, o TerraCeo suma o hip hop cubano de Cimafunk, que visitará a cidade o 6 de agosto, unha dobre sesión coa guitarra da El Twanguero e o rock de Desvariados (o 8 de agosto) e rock dos vigueses Muñoz, o 28 de agosto en sesión vermú. As entradas para estes concertos xa están á venda en www.teuticket.com

Segundo indica a organización do festival, Cimafunk é un artista internacional cun estilo que vai desde o soul ata a música urbana. Bendicido no 2019 pola prestixiosa revista Billboard como artista latino a seguir, esgotou entradas en México, Europa e Estados Unidos, incluídos concertos no Central Park e no Madison Square Garden. Con Twanguero chega ao Mar de Vigo unha velada de guitarra e esencias rock, galardoados polos Grammy latinos por unha das súas colaboracións con El Cigala. Desvariados é un grupo de rock contundente que comparte produtor con Loquillo e Muñoz é unha banda local que achega diversión e incorpora músicos consagrados.

Cos novos artistas anunciados, o TerraCeo alcanza os 51 concertos e, con 26.500, practicamente duplica as localidades ofertadas na edición do ano pasado, a primeira do festival. Na súa oferta cultural e musical, destaca a programación de 18 artistas vigueses e 24 galegos.

Fin de semana

En declaracións aos medios, Abel Caballero salientou que o Concello programou esta pasada fin de semana 23 concertos: tres na tarde do venres, once o sábado e outros nove no domingo. “Vigo estivo cheo de concertos, todos con seguridade Covid mil por cen”, manifestou o alcalde.

Foron tres días de “bo funcionamento musical e cultural”, con actos “ao longo e ancho de toda a cidade, ben no programa de potenciación do pequeno e mediano comercio, ben no programa de festas das parroquias”, ademais dos festivais de bandas, entre outras. “Todas as actuacións”, engadiu, “foron financiadas polo Concello de Vigo”.

Descargar todas as imaxes