Escoitar

O goberno de Vigo estima que as obras do Barrio do Cura comezarán dentro dun ano

O alcalde avanzou que no Consello da Xerencia de Urbanismo da vindeira semana quedará aprobada de xeito definitivo a modificación puntual do PXOM para a reordenación dese ámbito e, posteriormente, será ratificada polo Pleno.

venres, 16 xul 2021
O rexedor en rolda de prensa
O rexedor en rolda de prensa

“Aprobamos o Barrio do Cura”, sinalou o rexedor, que explicou que o acordo da Xerencia será levado ao Pleno Municipal e, posteriormente, publicado no DOG e no BOP e estará dispoñible para consulta na web do Concello e no Portal de Transparencia. Así, unha vez aprobada definitivamente a modificación do Plan, a promotora estará en condicións de presentar os proxectos de urbanización e compensación para a súa aprobación; ambos os proxectos levan a súa propia tramitación administrativa pero poden avanzar en paralelo porque xa están adiantados.

Abel Caballero adiantou que “estimamos que nun ano deberiamos ter o proxecto de urbanización aprobado e, unha vez aprobado, as obras poderán comezar de forma inmediata. Este é un momento histórico, por fin sabemos que dentro dun ano arrancarán as obras do Barrio do Cura, que se aprobou todo durante o meu mandato”.

Sobre a recuperación desde ámbito, lembrou que se evitará o deterioro, configurando unha zona moderna, con conexións peonís, dous ascensores que conectarán o Berbés co Paseo de Alfonso, 4.000 metros cadrados de zonas verdes, 169 árbores, 2.661 m² de equipamento público sociosanitario-educativo, máis de 5.000 m² de superficie en praza e espazo público, dotación de prazas públicas de aparcamento ademais das prazas para residentes (600) e para os usos terciarios permitidos (237 prazas) e destacou tamén que haberá un 30% de vivenda protexida, cando a obriga legal é de reservar un 10%.

Paseo do Lagares

A Xerencia de Urbanismo aprobará o martes o expediente de contratación das obras de execución do paseo fluvial no río Lagares, no tramo comprendido entre Manuel Álvarez e a Avenida de Madrid, que ten unha lonxitude de 3,3 quilómetros e un custo de obra e expropiación de 1.216.000 euros, co que faremos “o paseo total dunha parte importantísima do río Lagares”.

 

Descargar todas as imaxes