Abel Caballero: "Sempre lembraremos as vítimas e recoñeceremos a heroicidade dos nosos sanitarios"
O alcalde de Vigo e presidente da FEMP acudiu a Homenaxe do Estado ás vítimas da COVID-19
O presidente da FEMP, Abel Caballero, participou hoxe no Acto Homenaxe ás vítimas do coronavirus e de recoñecemento ao persoal sanitario, celebrado na Praza da Armería do Palacio Real, para transmitir “o agarimo de todas as alcaldesas e todos os alcaldes”. Caballero, que estivo acompañado por representantes da xunta de portavoces da FEMP e polo secretario xeral, Carlos Daniel Casares, destacou que todas as entidades locais e toda a sociedade no seu conxunto “estamos co seu recordo, compartimos a súa pena. Por iso, manteremos sempre o recordo a todas as persoas falecidas. E tamén aos sanitarios, recoñecemos a heroicidade dos profesionais da nosa sanidade defendendo á sociedade, traballando en hospitais, en centros de días, vacinándonos”. Abel Caballero, ademais, quixo resaltar a importancia das vacinas e de exemplos como o de Araceli Hidalgo, a primeira vacinada de España, “supoñen unha mirada de optimismo e animan a seguir camiñando na senda da recuperación, cara ao fin da pandemia”.
O acto estivo presidido polos reyes, Don Felipe e Dona Letizia, e contou coa asistencia dos representantes das principais institucións do Estado, Goberno, Congreso, Senado e Poder Xudicial; de todas as Administracións, así como diversos representantes da sociedade civil. Ademais, asistiron os familiares de 102 traballadores e traballadoras do sector sanitario falecidos durante a pandemia, a quen se lles outorgou a Gran Cruz do Mérito Civil a título póstumo e que en nome de todos eles recolleron presencialmente as familias de Joaquín Díaz, Jesús Algaba, Pablo Risco e Nedialka Veleva. Tamén asistiron á Homenaxe os primeiros vacinados de cada comunidade autónoma, e en representación deles e elas Araceli Hidalgo, a primeira vacinada de España, que agradeceu o labor científico e sanitaria que permitiu combater esta pandemia e fixo un chamamento aos mozos para “respectala”, a seguir alerta e coidándose.