Escoitar

O XXVIII Festival Folclórico Internacional leva a música e a danza a toda a cidade

O Concello dedica 63.000 euros ao evento que se celebra do 22 ao 25 de xullo co obxectivo de “difundir o noso folclore” con actuacións en Castrelos e noutros espazos. Son de Seu, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Xarabal, Corisco, Andarela, Lembranzas Galegas ou Xosé Lois Romero conforman parte do cartel do festival.

mércores, 14 xul 2021

O concelleiro de Festas e Participación Cidadá, Pablo Estévez, presentou este mércores en rolda de prensa a vixésimo sétima edición do Festival Folclórico Internacional de Vigo que, amais de apoio en infraestruturas e da cesión de espazos, recibe do goberno municipal unha axuda directa de 63.000 euros.

O edil explicou que o obxectivo do evento é a “difusión do noso folclore, tanto da música como da danza e achegar a toda a cidadanía, por barrios e parroquias a nosa cultura e tradicións”, co desexo de que o vindeiro ano “se poida recuperar a tradición do intercambio cultural con grupos de fóra”, unha opción que se viu limitada este ano pola pandemia.

Pablo González, organizador da Asociación Cultural Interfolc, agradeceu a aposta do Concello polo festival que este ano será diferente por mor da pandemia pero que, dixo, ten un cartel “ben interesante” cunha programación completa que se desenvolverá no escenario exterior de Castrelos e con actuacións tamén en Teis, Bouzas ou Praza da Compostela.

O programa de actuacións é o que segue:

-O xoves 22 de xullo, Orquestra Son de Seu ás 22 horas no escenario exterior de Castrelos.

-O venres 23 de xullo, ás 20:30 horas, Cé Orquestra Pantasma co seu espectáculo infantil e, ás 22 horas, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre en Castrelos.

- Sábado 24 ás 12 horas da mañá, a Banda de Gaitas Xarabal no Mercado de Teis e Corisco e a Banda de Gaitas Marino Tapiego de Asturias na Praza de Compostela tamén ás 12. Ás 13:15 na Alameda de Bouzas, Lembranzas Galegas e Andarela actuarán na Praza da Pedra. Xa pola noite, ás 22 horas, no escenario exterior de Castrelos, Xosé Lois Romero e Alboria.

- O domingo 25 de xullo, música viguesa en Castelos: ás 20:30 horas, Folk de Coiro e desde as 22 horas, AC Traspés.

O festival desenvolverase seguindo a normativa sanitaria co recinto valado, con separación das cadeiras coa distancia recomendada e co rexistro das persoas asistentes ao espazo das actuacións.

 

 

Descargar todas as imaxes