O Concello avanza no túnel de Porta do Sol co acondicionamento do antigo aparcamento soterrado
A empresa está reforzando os muros existentes e demolendo os distintos solos do subterráneo para preparalo para a circulación rodada en túnel. A finais de agosto está previsto que comece a colocación da estrutura que soportará a praza peonil en superficie e o paso inferior dos vehículos.

Xunto a integrantes do seu goberno e responsables das empresas encargadas da obra, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, coñeceu este mércores de primeira man a evolución dos traballos de construción do túnel e peonalización da Porta do Sol, que pasan actualmente polo acondicionamento do antigo aparcamento subterráneo.
Explicou o alcalde que os profesionais reforzaron os muros existentes -para o que empregaron dezasete mil ancoraxes- e están a demoler os solos do estacionamento, valéndose de 39 vigas de formigón armado e aceiro, 53 piares prefabricados e un millar de puntuais. Catro robots de escavación e demolición operan simultaneamente, córtanse partes da placa da antiga estrutura e dous grandes guindastres retiran os bloques, que son transportados por cabezas tratoras.
A finais de agosto, segundo as estimacións ofrecidas por Caballero, a cimentación estará preparada para acoller a estrutura definitiva que sosterá tanto o solo do futuro túnel como o forxado da superficie, que converterá a Porta do Sol nunha gran praza peonil. En paralelo, o Concello avanza na zona máis próxima a Elduayen, onde se instalan micropilotes.
En rolda de prensa posterior, o alcalde salientou a tecnoloxía empregada nunha obra que presenta un orzamento de 17 millóns de euros “para a total peonalización de todo Elduayen e toda a Porta do Sol”.



