Escoitar

O Concello aproba humanizacións por valor de case 7 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este venres á humanización de Romil, á cuarta fase da avenida Martínez Garrido, as escaleiras mecánicas e humanización da rúa Talude, a Praza Francisco Fernández del Riego ou á remodelación do recinto da festa de Valadares, entre outros.

venres, 16 xul 2021

O alcalde informou en rolda de prensa da aprobación da humanización da primeira fase da rúa Romil, que ten un importe de 1.230.000 euros e que inclúe a renovación das redes de abastecemento, a rede de rega, renovación de colectores de saneamento e unha nova instalación de pluviais, amais do soterramento de iluminación pública e semaforización. Instalarase nova xardinería, novos farois, elementos de protección, decoración, mobiliario, semáforos e sinalización renovada. “Inmediatamente después vendrá la segunda fase”

Tamén quedou aprobado o proxecto de humanización da Avenida Martínez Garrido Fase IV, que ten un presuposto licitación de 1,3 millóns e que seguirá o criterio do “alto estándar das humanizacións da cidade” con renovación de tódalas redes, o soterramento de rede de iluminación e semáforos e a dotación de nova xardinería, novos farois, elementos de protección, decoración, mobiliario, semáforos e sinalización renovada.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á aprobación do expediente de contratación do proxecto de humanización e mellora de accesibilidade da rúa Talude, as escaleiras mecánicas á altura do Colexio Mariano. Cun orzamento de 713.700 euros supoñerá a ampliación e humanización da rúa, logo da doazón de 72 metros cadrados do centro educativo, que rexeitou o pago correspondente, e que permitirá mellorar tamén o acceso ás súas instalacións. Amais, o goberno municipal renovará os firmes, mellorará a seguridade peonil, o mobiliario urbano con bancos e zonas axardinadas, unha nova rede de rega, iluminación LED e nova rede de saneamento e pluviais.

A humanización da Praza Francisco Fernández del Riego cun orzamento de 2.320.000 euros quedou aprobada tamén este xoves, co obxectivo de convertela nun “punto de encontro da cidade”, ao ser, tal e como explicou o alcalde, un nexo moi importante entre o Castro, Gran Vía, Praza de España e toda a zona de Venezuela, “unha parte moi habitada da cidade”. O proxecto contempla a instalación de dúas pérgolas que acollerán áreas de descanso con zonas verdes, a ampliación da superficie peonil en máis dun 30%, con paneis solares para dotar de enerxía ás instalacións, novo mobiliario urbano e renovación de pavimentos e redes.

Quedou adxudicada a obra de humanización da rúa Colombia, Fase II, que ten un importe de 750.000 euros: renovación íntegra de pavimentos e servizos, mellora de xardinería e mobiliario urbano, nova rede de rega, nova rede de iluminación, rede separativa de saneamento e nova rede de pluviais amaia da renovación dos firmes. O investimento total do Concello na rúa ascende a 1.233.000 euros, logo de dedicar 483.000 euros á primeira fase, que agora se completa.

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o proxecto de mellora e acondicionamento da contorna do torreiro de Valadares, que ten un importe de 237.000 euros e que supoñerá a renovación da estrutura e do palco, unha nova cimentación, colocación de varandas de protección, novos baños e nova iluminación e mobiliario urbano: marquesiña, bancos, papeleiras, farois,... “ unha humanización en San Campio no máis alto nivel”, apuntou o rexedor.

Aprobouse tamén a proposta de adxudicación das obras de humanización da rúa Freixo-Valladares por 275.000 euros. Construiranse beirarrúas ao longo de 675 metros, cun ancho de 1,5 metros para o tránsito peonil e amais acometerase a canalización de pluviais, sumidoiros, pozos de rexistro, iluminación exterior e instalación de varanda nalgúns tramos.

Descargar todas as imaxes