Escoitar

Vigo incorpora 16 novos bombeiros e prevé sumar outros 15 como interinos

Segundo informou Abel Caballero este venres, o goberno de Vigo aprobou o nomeamento de dezaseis funcionarios para o corpo de extinción e ultima a creación dunha bolsa de traballo coa que cubrirá outra quincena de postos nos Bombeiros de forma interina.

venres, 16 xul 2021
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa

Trinta e un novos efectivos para o corpo de Bombeiros do Concello de Vigo. Aprobada na Xunta de Goberno Local, o alcalde deu conta este venres do nomeamento como funcionarios de dezaseis bombeiros -catro de eles condutores- con cargo ás prazas vacantes da Oferta de Emprego Público xa realizada, cifra que se aumentará con outros quince interinos.

Os dezaseis mellores clasificados nas últimas oposicións acceden en prácticas e tomarán posesión do seu posto definitivo como funcionarios de carreira tan pronto conclúan o curso selectivo recollido nas bases, que se prolongará durante un mes e medio aproximadamente.

En paralelo, o goberno dirixido por Caballero traballa na creación dunha bolsa de emprego coa que ampliará con interinos o persoal de extinción. Para o alcalde, trátase dunha decisión “moi importante” coa que se sumarán quince efectivos máis “dos que pasaron o exame e acreditaron polo tanto a súa capacidade” na última convocatoria pública. Así, Vigo contará próximamente con trinta e un novos bombeiros municipais: dezaseis como funcionarios e outros quince como interinos.

Descargar todas as imaxes