Escoitar

Concello e hostalería traballarán na concienciación do risco Covid entre a mocidade

O alcalde e unha representación do sector hostaleiro de Vigo mantiveron este venres unha nova xuntanza para abordar o control das reunións e o botellón durante a fin de semana e na que avanzaron a apertura dunha mesa de traballo a próxima semana.

venres, 16 xul 2021

“Non se poden facer reunións sen cumprir as medidas, non se poden facer botellóns”, sentenciou Caballero este venres en rolda de prensa, logo de reunirse cos representantes dos hostaleiros, do comercio e do ocio nocturno da cidade.

O rexedor trasladoulles que esta fin de semana o goberno municipal volverá pechar a Praza de Portugal, a zona alta de Joaquín Loriga e a praza de Montero Ríos e ademais “faremos unha vixilancia intensa da cidade a efectos de botellón e reunións que non cumpran as normas. E manteremos unha vixilancia forte en toda a cidade”. Con todo, engadiu que a maioría da xente nova cumpre e na hostalería o cumprimento “está sendo moi bo, cumpren normas, distancias...”

Caballero destacou que en Vigo “o Concello e a hostalería imos xuntos”, cooperando na erradicación do botellón, na difusión do que non se pode facer, tratando de concienciar da importancia do bo comportamento e, nesa liña, a vindeira semana “abriremos unha mesa de traballo para a concienciación da xente nova sobre o risco de contaxios en determinadas actividades. Queremos sacar conclusións -dese encontro- e empezar o martes a difundir mensaxes”, explicou.

En canto ás previsións do sector, para esta fin de semana, explicou o alcalde que a previsión hostaleira na cidade é dun 85% de ocupación; “estamos nun bo momento porque a cidade ofrece garantías pola situación actual e a loita que facemos contra o coronavirus”.

Praias

O rexedor sinalou o “cumprimento total das normas e da distancia nas praias de Vigo, con respecto dos bloques de conviventes, que están separados uns de outros”. Con todo, anunciou que, dende mañá, comezarán a estenderse as cintas separadoras no Vao e Samil explicando que, amais, os servizos municipais de socorrismo e salvamento están “moi atentos ao cumprimento das distancias nas praias”.

Descargar todas as imaxes