Escoitar

O goberno de Vigo destina 300.000 euros á xeración de emprego na cidade

O alcalde informou este luns da aprobación na Xunta de Goberno Local da convocatoria das axudas municipais á creación de empresas do ano 2021 e das axudas á contratación co fin de mellorar as condicións laborais e de contratación na cidade.

luns, 19 xul 2021
Abel Caballero comparece en rolda de prensa
Abel Caballero comparece en rolda de prensa

As axudas municipais á creación de empresas 2021 teñen un orzamento de 196.723 euros, unha cantidade que, segundo o rexedor “practicamente dobra a cantidade do ano anterior” e que se destina a “xerar empresas que, á súa vez, xeren emprego”. Na anterior convocatoria, a axuda do Concello beneficiou a 38 empresas.

Ademais, quedaron aprobadas as bases reguladoras das axudas municipais á contratación 2021 para mellorar condicións laborais e contratación cun importe de 100.000 euros con dúas modalidades de axuda: para a transformación de contratos temporais en indefinidos e para a contratación de persoas desempregadas.

Para Caballero, estas convocatorias conforman un programa municipal para creación de emprego con case 300.000 euros, unha “competencia exclusiva da Xunta de Galicia, que recibe fondos do Estado para ese fin”.

As bases dos programas de axudas poderán consultarse no Portal de Transparencia e na web do Concello: www.vigo.org.

Descargar todas as imaxes