Escoitar

O Concello activa a vía ordinaria para o novo acceso ao CEIP Párroco don Camilo, ao denegar a Xunta a de urxencia

O goberno de Vigo iniciou a tramitación ambiental do Plan Especial que posibilitará facer unha nova entrada ao colexio desde a Estrada de Camposancos, deixando a actual só para peóns. O procedemento durará uns dous anos e o alcalde lamentou que a Xunta negara a aplicación da lei 3/2016 para acurtar os prazos.

venres, 9 xul 2021
O alcalde amosou este venres un plano co acceso proxectado
O alcalde amosou este venres un plano co acceso proxectado

A situación na que se atopa a comunidade educativa do CEIP Párroco don Camilo no acceso ao centro é “un caos”, en verbas de Caballero, pois presenta “serios problemas de seguridade” ao compartir peóns e autobuses unha única rúa de entrada, estreita e sen beirarrúas.

O Concello pretende arranxar a cuestión abrindo un novo vial desde a Estrada de Camposancos, que será empregado exclusivamente por vehículos, deixando o actual para uso único dos peóns. Para facelo, o goberno presidido por Abel Caballero vén de iniciar a tramitación ambiental dun Plan Especial, o primeiro paso dunha tramitación ordinaria que continuará coa aprobación inicial do Plan, información pública e resolución, procedemento que se alongará durante uns dous anos, segundo as estimacións ofrecidas este venres polo alcalde.

Caballero lamentou que a Xunta de Galicia denegara ao Concello a aplicación da “lei Vigo”, a lei 3/2016 para proxectos urxentes e de excepcional interese que permitiría acurtar os trámites e os prazos de execución da obra; denunciou que a construción dun novo acceso será abonada polo Concello pese a ser competencia da Xunta de Galicia, que ademais rexeitou a vía de urxencia “atrasando dous anos” a obra: “É tremendo”, valorou.

Escola infantil de Bembrive

Na mesma rolda de prensa, Abel Caballero trasladou que “a Xunta de Galicia está poñendo serios obstáculos para a apertura da escola infantil municipal de Bembrive”, construída pola Fundación Amancio Ortega en Bembrive e xestionada polo Concello de Vigo. Asegurou o alcalde que o goberno autonómico require documentación xa entregada o 28 de abril e xustificación de asuntos que figuran no proxecto remitido entón. “Da a sensación de que a Xunta de Galicia non quere que abramos a escola infantil da Fundación Amancio Ortega”, concluíu Caballero.

Descargar todas as imaxes