Escoitar

O goberno local suma máis actividades de verán co programa “Vigo cidade amiga dos maiores”

Os máis maiores terán durante os meses de xullo, agosto e setembro máis de 4.800 prazas para distintas actividades. Como novidade, haberá rutas en catamarán pola Ría de Vigo.

xoves, 8 xul 2021

Os maiores poderán desfrutar durante os meses de xullo, agosto e setembro de distintas actividades de lecer. Desde o 5 de xullo xa se pode participar nas actividades que o concello programa de balde en distintos puntos da cidade.

Unha das novidades son as rutas en catamarán que, segundo anunciou o alcalde, se porán en marcha a partir de 15 de xullo. “Quero que a xente máis maior rememore momentos na Ría de Vigo. Eles viviron alí na súa etapa máis nova”, dixo Abel Caballero que puxo de manifesto que no barco faranse actividades e haberá unha explicación da historia da cidade, das Cíes e a industria da comarca. Para esta actividade hai 2.700 prazas.

Ademais, haberá 4.800 máis para as actividades que están a desenvolverse en diferentes puntos da cidade: Praza da Miñoca, Mercado de Teis, Calvario, Praza da Independencia e a Ronda de Don Bosco. Entre as actividades hai danza contemporánea, canto grupal e actividade física, entre outras.

Abel Caballero sinalou que todas elas “son de balde” e que “é unha oferta aberta a todas as viguesas e vigueses, prestando especial atención ás persoas maiores que poden estar acompañadas dos seus netos, fillos e amigos”.

Descargar todas as imaxes