O PXOM sumará 1,9 millóns de m2 de zonas verdes e 17 novos parques de máis de 25.000 m2
O borrador do Plan Xeral que se aprobará a finais de agosto permitirá elevar a 3,5 millóns os metros cadrados de zonas verdes na cidade ademais de aumentar de 15 a 32 o número de parques de máis de 25.000 m2. Así o explicou María Xosé Caride nunha rolda de prensa no que tamén avanzou a construción de 14.500 vivendas de protección.
A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou esta mañá que o borrador do Plan Xeral prevé 1.892.000 de metros cadrados de zonas verdes, que se sumarán ao 1.555.000 m2 existentes nestes momentos polo que en 2050 está previsto que Vigo conte con 3,5 millóns de m2 de espazos verdes. Respecto á ratio por habitante, pasará de 5,29 en 2018 a 10 m2. Ademais, o número de parques de máis de 25.000 m2 subirá dos 15 actuais aos 32. Estas cifras corroboran, en verbas da concelleira, que o obxectivo central do novo Plan Xeral será mellorar a calidade de vida da cidadanía.
Da mesma maneira, o documento programa 14.500 vivendas protexidas, o que supón o 37% dos novos desenvolvementos en solo urbano non urbanizado e solo urbanizable serán para vivenda sometida a algún tipo de réxime de protección. En rolda de prensa, Caride criticou que Vigo leva 13 anos esperando polos 1.500 inmobles de promoción pública que a Xunta está e construír en Navia, nunha cidade que conta con 5.500 demandantes de vivenda protexida. Unha vez máis, será o Concello o que asuma as competencias que o Estatuto outorga en exclusividade ao goberno autonómico.
Caride explicou que o borrador que onte se presentou aos grupos políticos é un documento “vivo” e que se someterá a aprobación a finais de agosto unha vez incorporadas as indicacións – se as houbera – dos informes sectoriais preceptivos que se solicitaron. Os traballos sobre o documento empezaron hai algo máis dun ano e durante este tempo se incorporaron as propostas recollidas na tramitación da avaliación estratéxica ambiental, ademais de iniciar un proceso de reunións con 35 asociacións de veciños, todas as comunidades de montes, colectivos culturais e deportivos -a pesar das restricións impostas pola pandemia. O documento estivo colgado na páxina web da Xerencia de Urbanismo onde se recibiron 651 suxestións, das que o 80% foron incorporadas ao documento.
Unha vez aprobado inicialmente, engadiu, comezará outro proceso de información pública máis regrado, que empezará o 20 de setembro e que prolongará 3 meses, un mes máis do establecido por lei. A responsable do Urbanismo da cidade, defendeu a transparencia do documento que evita a especulación e que facilitará a á cidadanía toda a información ao mesmo tempo e sen intermediarios.
En opinión da edil, a oposición perdeu onte unha oportunidade de sumarse á construción dunha cidade “razoable e sensata que prevé solucionar os problemas actuais e que quere ser un referente na mellora da calidade de vida da veciñanza”. As propostas respectan as partes da cidade que están construídas integrándoas para compactar a urbe. Respecto das críticas sobra a falta de consenso, Caride lembrou que plan que se aprobou sen consenso foi o elaborado polo PP e polo BNG, con 60.000 alegacións que non foron incorporadas ao documento.