A Vila romana de Toralla retoma as visitas desde o 15 de xullo
O rexedor informou en rolda de prensa do inicio este mes de xullo da actividade divulgativa no Centro de Interpretación do Mundo Romano en Toralla que acolle cada verán recreacións históricas de escenas da vida romana.
Segundo explicou Caballero, o goberno municipal ofrece 50 prazas en cada un dos pases das visitas, para as que hai que facer unha inscrición previa no no teléfono 010. As persoas asistentes poderán gozar da recreación de escenas da vida cotiá do mundo romano: un funeral, a venda de escravos, un desfile de soldados e bailes.
As visitas á vila romana no mes de xullo están programadas para os xoves 15, 22 e 29, con dous pases cada día, ás 20 e 21 horas. En agosto, os pases serán os xoves 5, 19 e 26, dous cada día tamén ás 20 e 21 horas. Ademais, o venres 13 de agosto, coincidindo coa Noite Branca, haberá catro pases: desde ás 20 horas ata a 1 da madrugada, excepto ás 23 horas.
As visitas organízanse cumprindo as medidas de protección e seguridade marcadas pola autoridade sanitaria.
Festival Vikul
A novena edición do festival de danza urbana Vikul celébrase este ano 2021 o mércores 14 e o xoves 15 de xullo na Pista de patinaxe de Samil. Tal e como explicou o alcalde, participan 19 escolas de baile actuando de xeito continuado e, ao longo dos dous días de festival, ofrecerán arredor de cincuenta espectáculos.
Trátase dun evento consolidado en Vigo que este ano, en cumprimento dos protocolos Covid, terá ao público sentado.