Escoitar

O Concello oferta máis de 15.000 prazas de actividades infantís este verán

O alcalde informou este mércores da programación infantil prevista para os vindeiros meses, que se suma aos campamentos de verán, e que ofrece diferentes propostas de deportes, viaxes en barco, obradoiros, contacontos, música ou medio ambiente.

mércores, 23 xuñ 2021

As nenas e nenos vigueses poderán gozar este verán de diferentes actividades das que o goberno municipal irá informando dos prazos de solicitude. Para que as familias poidan reservar para as nenas e nenos algunha das 15.490 prazas dispoñibles.

Abel Caballero explicou que no ámbito deportivo, a Vigo Cup programa actividades para 2.900 participantes, amais nos campus deportivos de Vide haberá 300 prazas dispoñibles, ás que se suman os campionatos de Vigo Arena e fútbol base.

O goberno municipal, na área de Xuventude, ademais das 2.388 prazas dos 37 campamentos de verán, programa o campamento ViveVigo, que inclúe 120 prazas nos meses de xullo e agosto para nenas e nenos de entre 8 e 14 anos. Unha das novidades desde ano serán as actividades en barco: Desembarco Illas Cíes con 2.150 prazas en xullo e setembro para unha estadía de un día; os Roteiros de divulgación científica polas rías (1.800 prazas) e os Roteiros guiados pola ría para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial (1.800 prazas nos meses de xullo, agosto, setembro e outubro).

O rexedor explicou tamén a proposta de verán na área de Política Social con 180 prazas do
programa Lecer no verán: entre 25 e 35 prazas semanais durante 3 semanas nos meses de xullo e agosto. Trátase do servizo de lecer e respiro familiar dirixido a persoas con discapacidade psíquica, física ou sensorial.

Dende a área de normalización linguística programan 2.250 prazas para actividades ao aire libre: No verán un conto, Contadas, Espectáculos Musicais, Ilustración, Contos Musicados ou Contos Teatralizados. Na área de medio ambiente hai 1.568 prazas para actividades de astronomía e para os Escapes Room de Vigozoo e, en Cultura, 35 prazas para participar nos obradoiros e contacontos infantís na biblioteca Neira Vilas.

Descargar todas as imaxes