Escoitar

O festival multidisciplinar The Wild lanza o cartel da súa terceira edición

A concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, e a organización de The Wild Fest presentaron esta mañá un programa que inclúe a completa e esixente carreira de obstáculos The Wild Race, na que aínda hai tempo para inscribirse, e a andaina solidaria. As 800 entradas xa están á venda na web de The Wild e pódense conseguir dende os 15 euros e ata o 29 de agosto. O domingo a entrada é de balde, aínda que haberá control de aforo.

mércores, 23 xuñ 2021

O festival multidisciplinar The Wild, que terá lugar o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia, en Vigo, comeza os preparativos para levar a cabo a súa terceira edición logo do éxito das anteriores. Por iso, a organización do certame xunto coa concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, presentaron hoxe o cartel no Concello de Vigo.

Neste sentido, Nuria Rodríguez, quixo mostrar o seu apoio, un ano máis, ao festival e aproveitou a ocasión para “animar a todos os cidadáns de Vigo a subir eses días de setembro porque merece a pena, sobre todo ás familias”. Así mesmo, quixo trasladar a súa gratitude por “contar co Concello e cos montes de Vigo, xa que é un evento que se realiza en San Miguel de Oia”.Por suposto, a organización do certame agradeceu o apoio do Concello, que leva apostando polo festival dende os seus inicios. De feito, Juan Pablo Pérez, coordinador de The Wild anima “a todos a vir e ao señor alcalde tamén porque estou seguro que nuns anos falarase de The Wild en Nova York e en París”.

Se hai uns días The Wild Fest anunciaba os 7 concertos, dende Los Zigarros, Familia Caamagno e Stoned at Pompeii, ata The Blind Crows, Susana Seivane Trío, Enxeito e Zeltia Irevire, nesta ocasión Juan de Castro, xestor cultural do evento, daba a coñecer algunhas das principais actividades que se desenrolarán.

Así, volve a andaina solidaria. Esta camiñada de 6 km, guiada pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia, levará aos asistentes polos puntos máis emblemáticos do parque como a zona de petróglifos ou os miradoiros, onde se poderá gozar coas mellores vistas da Ría de Vigo e as Illas Cíes. Ademais, compre destacar que parte dos fondos recadados será doado a Asociación Bicos de Papel, a cal dedica os seus esforzos a acompañar e apoiar aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e as súas familias.

Doutra banda, tampouco pode faltar The Wild Race, OCR de 8 quilómetros e máis de 35 obstáculos que incluirá elementos adaptados doutras disciplinas como CrossTraining, Strogman ou PaleoTraining. “O ano pasado non se puido celebrar, pero nesta ocasión intentaremos que sexa mellor, máis completa e para os deportistas un reto maior “explica de Castro.

Entre as actividades, destaca igualmente o cinema medioambiental, proxectándose durante dúas xornadas unha coidada selección de filmes cun protagonista principal: a natureza. Ademais, tamén haberá oco para os eventos infantís xa que “o público do noso festival son tanto mozos e mozas que van aos concertos ata as últimas horas como as familias”, asegura Juan de Castro.

En definitiva, The Wild é un festival que xunta nun mesmo lugar actividades tan diversas como concertos, faladoiros, xogos para os máis cativos, cinema, sendeirismo ou competicións deportivas baixo unha premisa común: gozar da natureza dende o respecto e a responsabilidade.

Venta de 800 entradas

As entradas para o sábado, un total de 800, xa están a venda na web do festival a partir de 15 euros e estarán dispoñibles ata o 29 de agosto. O domingo, o acceso é de balde, aínda que haberá control de aforo.

Descargar todas as imaxes