O TerraCeo acada os 48 concertos coa incorporación de Mocedades e novas datas de Jorge Drexler e Dorian
Abel Caballero presentou este martes os novos concertos da programación do ciclo que suma 55 artistas en 48 recitais convertido no “máis importante e diverso festival de España nestes momentos e síntome orgulloso de dicilo”.

O rexedor trasladou na rolda de prensa a súa satisfacción e a felicitación ao Auditorio pola “aposta decidida e firme polo festival e polo nivel de asistencia” conseguido que considera un éxito, xa que máis do 75% das localidades ofrecidas ata finais de agosto están esgotadas.
O Festival TerraCeo incorpora varios artistas á súa programación: Mocedades, un dos grandes grupos clásicos da música popular española actúa o 1 de agosto, ás 20:30 horas, no que supón a apertura do festival a un novo tipo de público; Jorge Drexler suma unha nova cita, tras esgotar as súas entradas para o recital previsto o día 11 de agosto (a data coñecerase nos próximos días) e tamén Dorian, a piques de esgotar as entradas para o seu concerto do 13 de agosto, ofrecerá outro concerto o 14 de agosto con hora por confirmar. Ademais, súmanse ao cartel do TerraCeo Bafana Bafana e LuadSant, que tocaron en directo unha peza antes da presentación dos novos concertos, e Toñito de Poi, que abre a noite de Corizonas o 10 de xullo, presentando o seu proxecto “In-Dios” .
Tal e como explicou Caballero, con estas incorporacións, o festival TerraCeo alcanza un total de 48 concertos á venda e por el pasarán 55 artistas, dos que menos da metade son de Vigo ou Galicia, a quinta parte non actuaron nunca na cidade e unha parte importante son voces novas da cidade e da súa área de influencia Así, no mes de xullo, poderase gozar da música de varios artistas da cidade: Sanny, Alféizar, Wyygga, Nach, Zeltia, Derby Motoreta’s, Burrito Kachimba e It’s Soul.
O Festival TerraCeo pecha este sábado a programación do mes de xuño, coa dobre sesión de El Kanka e o concerto de La Bien Querida.

