Escoitar

As Illas Cíes, nun encontro internacional de arquitectura en Venecia

O alcalde informou este luns da participación do arquipélago no Workshop de Arquitectura de Venecia, que se celebra do 28 de xuño ao 16 de xullo, baixo o lema “Illas. Arquitectura e paisaxe de auga” co obxectivo de estudar as paisaxes insulares.

luns, 21 xuñ 2021
O alcalde amosa en rolda de prensa o mapa marcado coas illas e arquipélagos participantes
O alcalde amosa en rolda de prensa o mapa marcado coas illas e arquipélagos participantes

O Concello participa neste evento organizado por Uniscape, a rede de universidades que promove os principios da Convención Europea da Paisaxe desde o ámbito da arquitectura, e a Universidade IUAV de Venecia. Esta edición estará dedicada ás paisaxes insulares e “falará da arquitectura natural das Illas Cíes”, apunta o rexedor.

Para Abel Caballero a participación das illas viguesas neste encontro supón un recoñecemento á candidatura á Unesco. “Son as únicas illas deshabitadas que participan no Workshop de Venecia” e, con isto, “sentimos reforzada a nosa posición de Cíes, Patrimonio da Humanidade porque ten presenza en tódolos foros sobre medioambiente ou patrimonio, nos certames máis importantes o mundo”.

As Illas Cíes estarán no Workshop de Arquitectura de Venecia con Illa Cristina, Illas Canarias, Ibiza e Menorca e xunto a un amplo número de illas e arquipélagos de todo o mundo. O encontro estudará como a paisaxe ten un forte e imprescindible vínculo coa arquitectura e nel participarán 25 equipos de 25 illas durante as tres semanas coa presenza de 1.200 estudantes de arquitectura, dirixidos por profesores e proxectistas de renome internacional.

Sobre a Unesco, o alcalde censurou que a Xunta fixera un “moi mal enfoque da candidatura de Ribeira Sacra” a Patrimonio Mundial da Humanidade” e que a “levara ao fracaso como responsable única, sendo unha zona privilexiada e excepcional. Sempre quixen que fose antes que as Cíes”.

 

Descargar todas as imaxes