O Concello exime da taxa do lixo comercial a 2.000 establecementos da cidade
O alcalde anunciou esta mañá a exención do 100% do recibo do lixo para o 12% dos establecementos da cidade. Esta medida, que se suma a outras como a taxa cero de terrazas, suporá ás arcas municipais un millón de euros.
O padrón do lixo comercial contempla para 2021 unha exención do 100% para 2.000 establecementos hostaleiros, un 12% dos locais da cidade. Esta rebaixa, que supón para as arcas municipais case un millón de euros, beneficiará a toda a hostalería e singularmente aos locais de ocio nocturno: 9 discotecas con licenza; 120 pubs (bares con categoría especial); 1.281 cafeterías e 270 restaurantes de distintas categorías.
O sector turístico, que tivo limitacións pero non peche total, conta cunha redución do 75% da taxa para outros 90 negocios entre hoteis e hostais e axencias de viaxe. Esta redución do tributo tamén beneficiará a establecementos de hostalaría situados en clubs, peñas ou asociacións polo que se suman 130 actividades máis así como 62 ximnasios e 6 cines.
O alcalde enmarcou esta medida como unha liña de apoio máis á hostalaría que se vén sumar a outras como as bonificacións fiscais aplicadas durante o tempo de peche por decreto autonómico (auga, lixo e vado comercial) ou a taxa cero de terrazas. O apoio total do Concello ao sector ascende a 5 millóns, “sen ter competencia e sen recibir fondos nin do Goberno de España nin da Xunta de Galicia”. No mesmo senso, afeou ao Goberno autonómico que non achegue axudas económicas ao sector vigués cando recibe 900 millóns do Executivo Central.