O alcalde insiste ao goberno da Xunta na sinatura do convenio para garantir o instituto de Navia
O orzamento de inversións da Consellería de Educación inclúe 50.000 euros para a posta en marcha do IES de Navia o que demostra “que non hai vontade de construílo”. O rexedor lembrou esta mañá que a Xunta aínda non respostou á proposta de convenio que o Concello lle enviou en febreiro de 2020.
O alcalde reiterou esta mañá a necesidade de que a Xunta asine o convenio de colaboración que o Concello lle enviou en febreiro de 2020 para comprometer a construción do instituto de Navia. Neste protocolo, lembrou, o goberno local ofertaba gratuitamente 12.000 m2 para a posta en marcha dunha dotación moi necesaria nunha zona de Vigo onde unha grande parte dos estudantes de secundaria vense obrigados a desprazarse ata 8 km para acceder ao IES de Beade.
Caballero afeou ao presidente de Xunta que anunciara en Vigo un investimento de 8 millóns para o instituto cando o certo é que na partida de inversións da Consellería de Educación hai consignados só 50.000 euros o que demostra, na súa opinión “que non hai vontade de construílo”. Na mesma liña, insistiu na necesidade de asinar un convenio que comprometa ao goberno autonómico para que non suceda o que ocorreu co centro de saúde de Bozuas, que aínda está sen rematar, a pesar de que hai 12 anos desde que o Concello cedera os terreos para a súa construción.