Escoitar

O alcalde destaca a dedicación municipal á igualdade e contra a violencia de xénero de 1,5 millóns de euros

Vigo conta co Centro de emerxencia para mulleres vítimas da violencia de xénero, para toda Galicia, que financia o Concello con 241.000 euros. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a cesión temporal dunha vivenda da rede municipal de pisos de protección para mulleres vítimas da violencia de xénero.

luns, 14 dec 2020

Abel Caballero informou en rolda de prensa desta cesión por un período de seis meses, que pode ser prorrogado, a unha muller con dous fillos menores, que recibirán apoio durante a súa estadía, tanto dunha educadora como do equipo multidisciplinar do Concello, que dedica 30.000 euros anuais a estas vivendas.

O rexedor puxo en valor os 1,5 millóns de euros que dedica o Concello á igualdade e á loita contra a violencia de xénero: 241.000 euros para financiar o Centro de emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero para toda Galicia, 30.000 euros do Centro municipal de información e servizos á muller, o Programa de atención psicolóxica a menores expostos á violencia de xénero (12.000 euros), o programa de canguros SADI (180.000 euros), o EVAP (Equipo de Vixilancia e Apoio Policial) que ten un orzamento de 250.000 euros, a promoción da igualdade e do deporte feminino cunha dedicación de 136.000 euros, o Convenio coa Rede de Mulleres contra os Malos Tratos, 92.000 euros, e 50.000 euros en diferentes gastos desta área.

Obras no Parque Central de Lavadores

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o expediente de contratación das obras de reparación de danos na estrutura, adaptación contra incendios e accesibilidade no edificio do Parque Central - Lavadores por un importe de 426.000 euros. As instalacións quedaron deterioradas tras un incendio no ano 2017, polo que agora vai repararse e modernizarse.