O Concello aspira ao Plan de recuperación para Europa con actuacións no Vigo Vertical
O Concello pretende unir Isaac Peral con Travesía de Vigo a través dunha rampla mecánica que sería financiada con fondos europeos. Esta actuación é unha das moitas incluídas no programa que está elaborando o Goberno local para participar no chamado Plan de recuperación para Europa.
O alcalde deu conta esta mañá da elaboración dun plan do Vigo Vertical para ser financiado desde Europa, a través dos fondos do NextGenerationEU. Deste xeito, a cidade aspira a obter parte dos 27.000 millóns que xestionará o Goberno de España procedentes de UE para costear actuacións como unha rampla mecánica que unirá Isaac Peral coa Travesía, outras conexións desde Travesía cara á rúa Aragón, ou outra rampla para o Centro de Saúde de Teis, entre outras moitas. O alcalde confía en sacar adiante un programa que facilitará moito a mobilidade dada a orografía de Vigo. Con ese obxectivo, o Concello traballa xa nos proxectos pendentes para rematar as ramplas mecánicas da Gran Vía, dado o éxito que están a ter entre a cidadanía. O rexedor rematou a súa intervención amosando a súa preocupación polo voto contrario dos partidos da oposición aos orzamentos xerais do Estado, “extremadamente favorables para esta cidade”.