O Concello reformula “No Nadal... Un conto” para chegar ás casas dos máis pequenos
Por mor do Covid, os contos, concertos e contadas que o Concello tradicionalmente programa en directo pasarán este ano a emitirse de forma telemática. O próximo martes, 22 de decembro, a web municipal ofrecerá as propostas dunha quincena de artistas para familias, nenos e nenas.
O goberno de Vigo redefine a iniciativa infantil “No Nadal... Un conto” para sortear a pandemia. O alcalde, Abel Caballero, avanzou hoxe luns que as actividades se emitirán este ano online, no canto do formato presencial habitual, para manter unha proposta que busca achegar aos nenos e nenas os contos, concertos e contadas en lingua galega.
Segundo explicou Caballero, o Concello colgará todas as accións na web municipal (no apartado do servizo de Normalización Lingüística: snl.vigo.org) o próximo martes, 22 de decembro, para que quen o desexe poida seguilas de forma telemática. Os espectáculos durarán entre vinte e corenta minutos e abarcarán distintos ámbitos, desde os concertos de creación propia ou unha actuación con baile guiado, ata contos con música ou en verso.
A falta dos detalles, que se anunciarán en próximos días, o alcalde desvelou o cartel desta edición virtual, composto por un total de quince artistas: Pakolas, Pablo Díaz, Música Miúda, Cris de Caldas, Nanda, Barafunda, Esperanza Mara, Servando Barreiro, Miguel Anxo, Carme Domech, Yolanda Castaño, As Maimiñas, Bea Campos, Silva Penas e Susana, e María Canosa.