Escoitar

O goberno de Vigo adxudica por 340.000 euros a reforma do campo de fútbol de A Guía

Abel Caballero informou este venres da adxudicación das obras de renovación do céspede artificial e das instalacións de iluminación e da caldeira de biomasa. Ademais, o goberno que preside tamén resolveu o concurso público para instalar, por 211.000 euros, novo verde sintético no campo de Fragoselo.

venres, 20 nov 2020
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa

O alcalde deu conta da adxudicación das obras de renovación do céspede artificial e das instalacións de biomasa e iluminación do campo de fútbol de A Guía, para o que o Concello adicará 340.000 euros. A adxudicación pasou este xoves pola Xunta de Goberno Local e significará un novo verde sintético para o terreo de xogo de A Guía, xunto a novas instalacións de biomasa e redes de alumeado, con criterios de eficiencia enerxética.

Ademais, Abel Caballero comunicou que tamén foi adxudicada a obra para dotar ao campo de fútbol de Fragoselo, en Coruxo, dun novo céspede artificial, neste caso por 211.000 euros. En total, o Concello gastará máis de 550.000 euros nas dúas dotacións deportivas, con obras que se alongarán aproximadamente durante dous meses.

Por outro lado, Abel Caballero trasladou o acordo adoptado para non formalizar o contrato de exposición do tradicional Belén de Nadal que o Concello viña emprazando nos últimos anos na Casa das Artes. O goberno de Vigo decidiu este ano, e por mor do Covid-19, non organizar ningunha actividade baixo teito.

Subvencións

Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local foi a resolución da convocatoria de axudas económicas para fomentar o asociacionismo e a participación cidadá. Detallou Caballero que resultaron beneficiarias 39 asociacións, que recibirán un total de 330.000 euros.

O goberno de Vigo apoia así ás entidades sen ánimo de lucro nos seus gastos de mantemento e nos seus investimentos, tanto en equipamentos como en obras e adquisición de mobiliario. Os desembolsos corresponden aos efectuados entre o mes de novembro do pasado ano e outubro do actual 2020, ambos incluídos.

Descargar todas as imaxes