O goberno de Vigo licita as cubertas dos patios dos colexios Balaídos e Pintor Laxeiro
O Concello aprobou este xoves os pregos de condicións e abre o concurso público, reservando 400.000 euros para cubrir o patio do CEIP Balaídos e outros 185.000 euros para o do Pintor Laxeiro. Abel Caballero informou ademais da contratación de obras en cinco rúas do rural vigués por preto dun millón de euros.
O goberno vigués prosegue co seu proxecto de cubrir os patios dos colexios da cidade. Segundo informou este xoves o alcalde, a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación das obras no CEIP Balaídos e no Pintor Laxeiro, por importe de 398.000 e de 185.000 euros respectivamente, dando comezo ao proceso de licitación pública.
Abel Caballero concretou que o proxectado para o CEIP Balaídos é cubrir a pista deportiva de maior tamaño, a máis próxima á entrada, para o que se estima un prazo de tres meses de obras, unha vez adxudicado o contrato. No Pintor Laxeiro, tamén cun cálculo de tres meses de traballos, o Concello creará o espazo cuberto na zona infantil, dotándoa dunha estrutura metálica con cuberta curvada.
Pintor Laxeiro e Balaídos non son as dúas únicas instalacións educativas que contarán en próximos meses con patio cuberto. O alcalde recordou que, con cargo aos remanentes en proceso de aprobación, o goberno que preside reserva outros 700.000 euros en total para afrontar o mesmo proxecto nos colexios Frián-Teis e no Villalaura. Así, os catro engadiranse ás cinco cubertas xa realizadas polo Concello: no García Barbón, no Canicouva, no Virxe do Rocío, no Castelao e no Carballal.
Caballero trasladou que, pese a ser “obrigación” da Xunta de Galicia, o Concello continuará afrontando a demanda educativa e o orzamento do Concello para o 2021, aprobado inicialmente, consigna outra partida de 300.000 euros ao efecto. O goberno local ten solicitudes doutros trece colexios: Javier Sensat, Celso Emilio Ferreiro, Seis do Nadal, Mestres Goldar, Otero Pedraio, Josefa Alonso, Doblada, Valle-Inclán, Escultor Acuña, Fontescura, Saladino Cortizo, Atalaia e Carlos Casares. “Non vou deixar que os nenos dos colexios de Vigo teñan que facer o seu recreo na chuvia”, asegurou
Rural
Na mesma sesión, o goberno local lanzou a licitación das obras de mellora de cinco vías do rural vigués, por importe total próximo ao millón de euros, como parte das actuacións enmarcadas no convenio entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra.
O Concello aprobou os pregos de condicións e inicia polo tanto o procedemento público para optar á execución da reforma de Camiño da Pomba (Valadares), cun orzamento de 153.000 euros, da Estrada da Balsa (Matamá), por 207.000 euros, da Estrada da Venda (Beade), con 269.000 euros, da Estrada José Rivas (Coruxo), por 187.000 euros, e da Subida a Relfas (Sárdoma), cun orzamento de 92.000 euros. As cinco actuacións presentan un prazo estimado de tres meses de obras, salvo a remodelación da Estrada da Venda, que se prevé alongar aos catro.