O Concello culmina o carril bici co pintado do cruce de Venezuela coa Gran Vía
O alcalde visitou este venres a conexión -que quedou pendente pola evolución da obra das ramplas mecánicas da Gran Vía- coa que se conclúe a vía ciclista entre Teis e a Avenida de Europa, onde o Concello e a Deputación investiron máis de 5 millóns. Vigo tramita xa as expropiacións para prolongala ata Samil.
Xunto a edís do goberno que dirixe, Abel Caballero achegouse este venres ata o cruce de Venezuela coa Gran Vía, onde o Concello vén de rematar co pintado do carril bici. A conexión quedara pendente polo estado de execución da obra das ramplas mecánicas da Gran Vía, que xa permite avanzar e unir os dous tramos da vía ciclista da rúa Venezuela.
Concello e Deputación destinaron máis de cinco millóns de euros ao carril bici, que une Teis coa Avenida de Europa, a través principalmente da Travesía de Vigo, Pizarro, Venezuela, Camelias e a Avenida de Castelao. Ademais do novo espazo para ciclistas, a obra contemplou a instalación de xardineiras, refuxios axardinados para os contedores, novos pasos de peóns e ata douscentos aparcabicis.
Abel Caballero, quen afirmou que “o nivel de utilización cada vez crece máis”, puxo énfase nas medidas de seguridade que incorpora o carril bici, como o pintado de cor vermella nas interseccións, o pavimento reforzado de catro capas, sinais horizontais e verticais, 271 semáforos e 1.600 tacos plásticos para separalo do espazo para os vehículos a motor.
O goberno de Vigo traballa para estender o carril bici ata Samil e xa tramita as expropiacións na Avenida de Europa. Ao efecto, con 87 parcelas afectadas, o Concello reserva máis de 800.000 euros e a obra, que será máis ambiciosa pois procura prolongar o bulevar de Coia ata Samil, ten un orzamento superior aos catro millóns de euros. O alcalde recordou que a administración local elabora un plan director para implantar novos carrís bici en Vigo, unha folla de ruta que deseña un mínimo de tres novas vías ciclistas.