Escoitar

O Concello pagou aos seus provedores nunha media de 10 días no último trimestre

As empresas que prestan servizos ao Concello de Vigo cobraron no último trimestre nunha media de dez días, o que mantén a Vigo como a cidade mellor pagadora de España. No mes de xullo, esa media reduciuse ata os 8 días, fronte aos 30 días de Málaga, os 47 de Santiago ou os 34 de Ferrol.

venres, 16 out 2020

A media de pago a provedores do Concello nos últimos tres meses foi de 10 días, tal e como avanzou esta mañá o rexedor. Estes datos, engadiu, confirman que Vigo segue á cabeza en toda España o que demostra unha “eficiente” xestión que beneficia ás empresas e autónomos que prestan os seus servizos á administración local. Segundo datos comparativos do mes de xullo de 2020 recollidos na central de información do Ministerio de Facenda, Vigo pagou en 8 días, fronte aos 28 días de media da administración local ou os 31 días das comunidades autónomas. Respecto doutras administracións locais, os datos son os seguintes: Málaga 30; Sevilla 40; Zaragoza 22; Palmas de Gran Canaria 155; Barcelona 9; Madrid 30; Valencia 18; A Coruña 26; Palma 44; Murcia 20; Ourense 108; Santiago: 47; Pontevedra 23 e, por último, Ferrol, con 34 días de media de pago.

Xunta de Goberno

O alcalde deu conta da aprobación dunha prórroga anual do contrato do programa de educación familiar da rede municipal de vivendas de protección a víctimas de violencia de xénero. Cun custo de preto de 29.000 euros, o servizo consiste na intervención socio-educativa coas familias que residen temporalmente nesas vivendas cunha educadora que fai un seguimento da sáude, laboral ou formativo co obxectivo de promover unha saída autónoma a esta situación.